Asociación Cultural Traspés

2010
05.28

Fundada a finais do ano 2009 en Vigo por un grupo de amigos cunha importante traxectoria no eido do mundo tradicional, Traspés ten como finalidade amosar ao público unha realidade cultural que nos resistimos a esquecer.

A través dos traballos de recollida de campo realizados por toda a xeografía galega, poñemos o acento en diversos aspectos relacionados coa etnografía da nosa comunidade, tentando ser fieis e non desvirtuar ningún dos seus detalles. Así, na posta en escena, e grazas á información debidamente contrastada acerca da indumentaria, xoiería, bailes, músicas, cantares, instrumentacións, etc. podemos ver e sentir momentos da forma de vida dunha época e lugar determinados, facendo posible unha fotografía en vivo de tempos pasados.

Unha das principais metas que o equipo directivo da Asociación Cultural Traspés se marcou dende un principio, foi a da creación de eventos encamiñados á promoción e difusión da cultura tradicional e popular de Galicia. É por isto, que dende Traspés tentamos axudar a espertar o interese polas nosas tradicións.

A principal ferramenta coa que contamos é o noso grupo artístico: o Grupo de Música e Baile Tradicional Traspés, que é unha entidade dedicada á recuperación, investigación, conservación e difusión do folclore.

    _Z7E4634

Comments are closed.