Directores GMBT

2019
10.08


Diego Docabo

Director dos grupos de pandereteiras e pandereteiros

É fundador da Asociación Cultural Traspés, onde dirixe o grupo de pandereteiros e o grupo de pandereteiras.

Comeza a súa andaina no mundo do folclore galego alá por setembro de 1996 na Asociación Folclórica Airiños da Lagoa (Baíña – Baiona), e dous anos máis tarde comeza a impartir aulas de canto e pandeireta, así como tamén de percusión tradicional. A partir do ano 2002 entra a formar parte do Grupo para a Recuperación de Bailes, Músicas e Cantares Tradicionais O Fiadeiro; é entón, cando comeza co seu traballo de recompilación e investigación da etnografía polas distintas aldeas de Galicia, traballo que segue a desempeñar hoxe en día.

Impartiu aulas de iniciación e perfeccionamento na A.C.F. O Fiadeiro, chegando a dirixir o grupo titular de pandereteiros da asociación. Exerceu de mestre, ademais, en multitude de cursos de iniciación e perfeccionamento de canto e pandeireta e de percusións tradicionais, en distintas asociacións, xornadas e para a Deputación de Pontevedra, así como tamén ten feito de xurado en concursos de música tradicional e colaborado cun sinfín de artistas e grupos folclóricos entre os que cabe destacar o cantautor Luis de Portugal, Mulheres do Minho ou Judith R. Cohen.

Na actualidade, ademais de ser o director dos pandereteiros e das pandereteiras do Grupo de Música e Baile Tradicional Traspés, e impartir as aulas de canto e pandeireta da mesma asociación, dirixe máis dunha ducia de grupos de baile e pandereteiras repartidos en distintas asociacións do sur da provincia de Pontevedra.


Miguel González Diz

Director da charanga tradicional

É o director da charanga do Grupo de Música e Baile Tradicional Traspés.

Con 8 anos comeza os seus estudos musicais na especialidade de saxofón na Escola de Música Municipal de Tui, realizando posteriormente os estudos profesionais, tanto de saxofón como de gaita, no CMUS Profesional de Tui. Actualmente continúa a completar a súa traxectoria musical realizando os estudos superiores de Instrumentos da Música Popular e Tradicional no CMUS Superior de Vigo.

No ámbito da música popular e tradicional, a súa formación vai desde a percusión tradicional e o canto, ata a gaita de fol. Posúe a diplomatura como construtor artesán de instrumentos musicais tradicionais (gaita) da Escola de Artes e Oficios do Concello de Vigo.

Foi compoñente da Banda de Música Popular de Tui, da Banda de Música de Salvaterra de Miño e de Moxenas Musical Galego. Tamén exerceu de director musical da Rondalla de Pontellas (O Porriño) coa que acadou numerosos primeiros premios nos concursos organizados na comarca de Vigo.

A súa andaina na Asociación Cultural Traspés comeza no ano 2012 como membro do grupo de pandereteiros e da charanga; no ano 2013 comeza a impartir aulas de saxofón, gaita e percusión na escola da entidade; e no 2021 é nomeado director da charanga tradicional.

Na actualidade é mestre de música no H.C. San Rafael (Vigo), e imparte aulas de gaita, percusión e canto tradicional en escolas de música e asociacións culturais das comarcas de Vigo, O Condado e O Baixo Miño. Forma parte do cuarteto tradicional Bordón Grellado co que acumula varios premios entre os que cabe destacar o 1º Premio no prestixioso Concurso de Gaitas do País (Ponteareas).

Comments are closed.