Grupo Artístico

2010
05.29

O Grupo de Música e Baile Tradicional Traspés está composto polas seguintes seccións:

 

  • Grupo de Baile: O corpo de baile do grupo artístico Traspés está composto por once parellas mixtas, encargadas de interpretar aquelas danzas recollidas pola agrupación durante a súa traxectoria. Desenvolven un labor etnográfico de recopilación e recuperación, acudindo a exemplos e relatos das persoas que aínda gardan viva na súa memoria o facer doutro contexto e momento histórico. Este traballo desenvólvese regularmente por toda Galicia, visitando os lugares onde viven os informantes, documentando mediante audio e vídeo toda a información recollida para o seu estudo e posterior reinterpretación, tentando ser o máis fieis posible á tradición de partida.

1239978_700490739965603_194226613_n

  • Grupo de Pandereteiros: Formado por oito voces masculinas, dedícanse á interpretación de cantos de tradición oral acompañados de percusión. Estes cantares son recollidos directamente dos informantes por toda a xeografía galega, respectando sempre as características propias de cada zona: xeitos de emisión, técnica de acompañamento, tipos de instrumentos empregados, repertorio e estilo. A posta en escena pretende transmitir a forza dunha tradición musical do rural galego, e axudar ao mesmo tempo, a mantela viva.

1779701_10203162953496703_1940742622_n

  • Grupo de Pandereteiras: Igual que a sección anterior, pero neste caso con voces femininas, o grupo de pandereteiras Traspés traballa tamén na recuperación e divulgación da música vocal en Galicia. Son dez as mulleres que integran esta sección, recollendo o testemuño de moitas outras mulleres, antes principais intérpretes e transmisoras do canto popular galego, presente en moitos momentos da vida dos nosos devanceiros.

DSCN7132

  • Grupo de Música Tradicional: A charanga da agrupación está formada actualmente por dúas gaitas, clarinete, saxo, acordeón, tambor, bombo con pratos e pandeireta. O seu repertorio baséase fundamentalmente en músicas bailables, recollendo tamén o testemuño doutras formacións instrumentais anteriores, nas que a gaita estaba presente como instrumento principal, e á que se foron engadindo ademais da percusión, outros instrumentos de vento, amenizando as festas, e moitas das veces, desenvolvendo o papel das bandas de música.

IMG_92736303488675

Toda a agrupación ten un único obxectivo, amosar ao público a nosa cultura, considerando o folclore como a liberdade de sentir e expresarse a través do baile e da música tradicional.

Comments are closed.